Por David Calviño
A queimada é un dos moitos rituais que teñen que ver co
lume, unha tradición que se debate entre o pagán e o misterioso, unha apócema
máxica cuxa orixe se perde entre as sombras de noites ancestrais enchidas
de meigallos e feitizos, de almas en pena, e de corpos arrebatados
por rituais de meigas que sentados na escuridade e formando un
círculo arredor da tartera de barro, buscan a purificación do corpo e
a salvación da alma mentres revolven a beberaxe que espantará os malos
espíritos e atraerá os bos.
O ritual da Queimada e o seu conxuro é un dos poucos ritos que se mantén a día
de hoxe, levándose a cabo de forma natural en infinidade de reunións sociais e
celebracións que teñen lugar na comunidade galega.
O lume un dos tres elementos fundamentais |
A tradicional queimada ten, máis que posiblemente, a súa
orixe nas ancestrais culturas castreñas. Os celtas deixaron a súa herdanza
cultural plasmada nos abundantes petroglifos que se encontran ao
longo e ancho da comunidade galega. Son recorrentes os símbolos con forma de
espiral, destacando O TRISQUEL, figura con tres cabezas que debuxa unha
especie de cruz. Foron moitas as interpretacións que os historiadores deron a
este símbolo, pero a máis coñecida é aquela que sostén que o trisquel representa
os tres elementos fundamentais na vida do home: A terra, a auga e o lume.
O ritual da queimada leva tamén de forma intrínseca a fusión destes tres
elementos, nun ritual que non sería posible de non existir este compoñente
máxico, herdados dos nosos antepasados celtas e transmitido a través dos
tempos.
A TERRA simbolízase mediante a tartera de barro, a auga vese
representado pola augardente que se axita e remove fundíndose coa terra mentres
o lume danza libre entre os elementos que conforman esta apócema máxica
iluminándo
nos, dándonos calor ao corpo e purificando as almas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario