Amosando publicacións coa etiqueta A nosa cidade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A nosa cidade. Amosar todas as publicacións

2 de feb. de 2014

PERCORRIDO CULTURAL

O próximo Luns realizaremos un "percorrido cultural" desde o IES Fernando Wirtz ata a Cidade Vella, onde o destino final será a visita á Real Academia Galega, sita na rúa Tabernas da nosa cidade.
Detalle do percorrido baseado nun mapa histórico

O percorrido comeza nos Xardíns de Méndez Núñez. Estes xardíns están situados no que se coñece como A pescadería. Son os máis antigos da cidade, da segunda metade do S. XIX, no recheo gañado ó mar. Nun principio eran coñecidos como os xardíns do Ensanche. Posteriormente, no ano 1861, decidiuse que levase o nome de Casto Méndez Núñez (Vigo,1824-Pontevedra, 1869), que foi mariño militar da Real Armada Española e considerado o heroe da 1ª guerra do Pacífico.
Nos xardíns atopamos entre outros, os monumentos dedicados a:
1-Eduardo Pondal
2-Manuel Murguía
3-Concepción Arenal
4-Emilia Pardo Bazán
5-Wenceslazo Fernández Florez, (O bosque animado)
6-Manuel Curros Enríquez

A seguir, cruzaremos ata a Casa do Consulado (frente ó edificio de Correos). Sinalamos que aquí foi onde se celebrou a constitución da Academia Galego, o 4 de setembro de 1905, con Murguía como presidente.
Despois atravesamos a rúa Rego da Auga, onde estivo a librería La Regional, de Uxío Carré Aldao, no nº 30, onde tiña lugar a tertulia da Cova Céltica, xérmolo da Academia.
Continuamos pola Praza de María Pita, onde está a estatua desta heroina e o Palacio Municipal, que foi sede da Academia durante 58 anos, entre 1920 e 1978.
O seguinte destino é a casa actual da Academia galega, na rúa Tabernas 11.
Finalmente faremos unha rápida visita ás casas  nas que viviron  o matrimonio Rosalía -Murguía e Francisca Herrera. Frente ó edificio está o cuartel de Capitanía, que na orixe foi a Real Audiencia de A Coruña, onde Murguía traballou como arquiveiro. Nas proximidades está o Xardín de San Carlos, no que se atopa a tumba de Sir John Moore, morto na Batalla de Elviña. (Hoxe en día está aquí o arquivo municipal)
Lembraremos tambén que na Rúa Porta de Ares viviu o compositor Pascual Veiga, quen compuxo a música do Himno Galego. A casa do músico está situada fronte do palacio do ilustrado coruñés Xosé Cornide Saavedra e da igrexia da Colexiata, onde está enterrado o irmandiño Roi Xordo.

26 de xan. de 2014

O CASTELO DE SANTO ANTÓN

Por Lucía Vázquez Calvo, Inés Gómez e Alba Llamazares.


É un castelo do século XVI que formaba parte dunha rede estratéxica de castelos e baterías para a defensa da cidade da Coruña.
O lugar que hoxe ocupa o castelo era un illote próximo ao porto da cidade. Nel existía a finais da Idade Media unha capela dedicada a Santo Antón, sendo tamén utilizado con posterioridade como lazareto para illar ós mariñeiros que chegaban á cidade afectados dalgunha enfermidade infecciosa.
A súa construción prolongouse desde o século XVI ata boa parte do XVII, períodos durante os cales a cidade víu partir a Armada Invencible, tivo que facer fronte aos ataques ingleses e ao acoso da flota do arcebispo de Burdeos.
Desde comezos do século XVIII ata o século XX foi utilizado como prisión.

Nos anos 40 deste século a illa uniuse á terra por medio dunha prolongación do peirao das Ánimas. En 1960 foi cedido polo Ministerio do Exército ao concello da Coruña, para albergar un museo arqueolóxico e histórico que abriu as súas portas no ano 1968.


Imaxen sacada da páxina web: www.numendigital.com/