19/03/2017

Recensión: A memoria da choiva


Autor: Pedro Feijoo
Título: A memoria da choiva
Lugar de edición: Vigo
Editorial: Edicións Xerais de Galicia
Ano: 2013
Número de páxinas: 469
Prezo: 22 euros





Nada máis comezar a nosa lectura, podemos observar tres poemas: Silencio, de Rosalía de Castro; Botella ao mar, de Suso de Toro e Jesus, etc. de Jeff Tweedy. Estes fragmentos teñen algo en común, os tres tratan de forma taciturna e pesimista as culpas que arrasan ós seus autores, pois as describen como un tormento. 
Na seguinte páxina, atopamos un monólogo interior onde se conta a verdade sobre unha muller que parecía unha santa; segundo a súa filla, a santa era en realidade a desgraza feita carne. 

A historia desta obra acontece en Santiago de Compostela, unha cidade tranquila, onde as leas non vas máis aló da prostitución e o narcotráfico; todo cambia cando Aquiles Vega, un xornalista de investigación fracasado e autodestructivo, vese involucrado na investigación do cruel asasinato do autoproclamado psicanalista Xosé Carneiro; o cal, aparece co peito aberto e un cravo ferroviario incrustado no corazón. O noso protagonista cóntallo a súa nai para mantela ocupada da súa tolemia, esta dille que o cravo fai referencia ó poema Unha vez tiven un cravo de Rosalía de Castro. Por isto, o protagonista, á marxe da policía co obxectivo de recuperar a súa carreira xornalística, asóciase coa profesora Sofía Dereb, coñecida por recompilar a misteriosa biografía da autora do poema.


Así, os dous desprázanse por Galicia na procura de pistas para destapar a persoa agochada baixo o nome de Adriano, o asasino, o cal tamén expresa a súa mente perversa nalgúns capítulos.
Os escenarios son moi detallados e a novela está moi ben documentada, pódese aprender moito da misteriosa vida de Rosalía así como disfrutar dese toque persoal do autor, o aura de misterio e a beleza da narración e dos poemas. 
                                                    


A novela ten un certo vínculo coa materia de Lingua Galega e Literatura, pois a obra céntrase na vida dunha das figuras máis importantes do Romanticismo europeo, e así mesmo, a máis afamada poetisa galega; debido a isto, todos os libros de literatura galga escolares amosan vital importancia a súa obra. 

Ler A memoria da Choiva é unha forma diferente e entretida de aprender e comezar a interesarse polo poemario e vida de Rosalía. 



Ningún comentario:

Publicar un comentario