5 de feb. de 2014

Por que San Valentín é o patrón dos namorados?

De feito, é bastante difícil sabelo... En primeiro lugar, existen varios santos que se chaman Valentín, todos se celebran o 14 de febreiro. Corre por aí unha bonita historia a propósito dun deles. Disque no ano 268 d.C., o emperador romano Claudio II mandou prohibir os casamentos, pois cría que os homes casados pensaban demasiado nas súas amadas mulleres e resultaban malos soldados. Malia isto, o padre Valentín continuaba a casar os noivos. Detido, encarcerado e despois decapitado, enterrárono na Vía Flaminia, onde se lle empezou a render culto. Terá algo que ver a festa dos namorados con esta historia? Quizá. Pero non é seguro, pois, moito antes de San Valentín, xa existía unha festa a mediados de febreiro dedicada aos namorados. En Roma, celébranse naquela época as Lupercais, festa da fecundidade. Os noivos aproveitaban moitas veces para facer a súa petición de matrimonio... Pero pode ser que a orixe da festa de San Valentín sexa aínda máis antiga; se cadra nos vén da simple observación da natureza: mediados de febreiro disque é o momento no que comeza o cortexo dos paxaros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario