21/04/2017

Visita á RAG

Visita á sede da Real Academia Galega

      A creación da Real Academia Galega data do 4 de setembro de 1905, aínda que a inauguración oficial foi o 30 de setembro de 1906 nun salón da Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns. Na súa creación participan dúas correntes. Unha arredor de Manuel Murguía, a cal coninuaba co Rexurdimento e co Rexionalismo; e a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega, que xurdiu en Cuba e tiña como obxectivo a unidade do galego.
     A Real Academia Galega vive un período de esplendor durante a presidencia de Murguía, entre 1906 e 1923. Nesta época celébranse actos culturais e comezará a elaboración do dicionario en 1912.
     Entre 1923 e 1936, a RAG vive unha boa etapa coa unión de importantes figuras da Xeración Nós (Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo...) e a axuda económica da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega de Bos Aires. A RAG tivo que superar a morte do sucesor natural de Murguía, Salazar, o mesmo ano do seu nomeamento.
     Entre 1942 e 1977 vive uns anos escuros debido á ditadura e estivo a piques de desaparecer. Aínda así continuou e en 1963 crea o Día das Letras Galegas, conmemorando o centenario da publicación de Cantares Gallegos
     Entre 1977 e 1997 créase o Seminario de Lexicografía e o Seminario de Sociolingüística. Ten lugar tamén o Acordo Ortográfico de 1982, o recoñecemento á Real Academia Galega na Lei de Normalización Lingüística e o traslado á actual sede na Rúa Tabernas 11.
     Nestes últimos anos, a RAG ten como obxectivo a implicación na defensa da lingua e cultura galegas.
      A Real Academia Galega está formada a 6 de abril de 2017 por:
Presidente: Víctor Fernández Freixanes.
Secretario: Xosé Henrique Monteagudo Romero.
Vicesecretario: Andrés Torres Queiruga.
Tesoureira: Marilar Aleixandre.
Arquiveira-Bibliotecaria: Fina Casalderrey Fraga.
Membros: Xesús Alonso Montero, Rosario Álvarez Blanco, Xosé Luís Axeitos Agrelo, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Darío Xohán Cabana Yanes, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Francisco Fernández Rei, Andrés Fernández-Albalat Lois, Xesús Ferro Ruibal, Xosé Luís Franco Grande, Salvador García-Bodaño Zunzunegui, Manuel González González, Bernardino Graña Villar, Margarita Ledo Andión, Ramón Lorenzo Vázquez, Luz Pozo Garza, Xosé Luís Regueira Fernández, Manuel Rivas Barrós, Euloxio Rodríguez Ruibal, Pegerto Saavedra Fernández, Antón Luís Santamarina Fernández, Xohana Torres Fernández e Ramón Villares Paz.

      A visita é importante porque imos visitar a sede da principal institución encargada da defensa da nosa lingua e cultura. Ademais, imos ver distintos edificios que tiveron un papel relevante na nosa historia, como o lugar onde tivo lugar a fundación das Irmandades da Fala ou a Fábrica de Tabacos.

      O venres 31 de maio de 2017 fixemos unha saída na que os alumnos de 1º de Bacharelato, xunto a tres profesores, visitamos a sede da Real Academia Galega e diversos edificios e monumentos relevantes para a nosa cidade e cultura.
      Ás 9:03 (segundo o meu reloxo) saímos do instituto. O primeiro sitio no que paramos foi a Fábrica de Tabacos, xusto ás 9:10. Este edificio fora inaugurado no século XVIII, pero ese era o día da súa inauguración como edificio xudicial. Este foi o lugar de traballo de Amparo, a protagonista da novela naturalista La Tribuna, escrita por Emilia Pardo Bazán.
      Ás 9:36 vimos o edificio no que se fundou a Editorial Nós, na Rúa Real, 36. Na fachada había unha placa en conmemoración do centenario do nacemento de Ánxel Casal, o seu fundador.
      Ás 9:42 chegamos á Rúa Rego de Auga. 38. Esta fora a localización da Librería Aldao, o lugar no que Antón e Ramón Vilar Ponte fundaron as Irmandades da Fala en 1916. Esta librería tamén fora un punto de reunión da Cova Céltica.
      Ás 9:50 pasamos pola Plaza do Humor, onde había bustos de grandes personaxes da literatura galega como Wenceslao Fernández Flórez, Vicente Risco ou Julio Camba e bancos con esculturas de pedra de Álvaro Cunqueiro e de Castelao.
      Ás 10:02 entramos na sede da RAG e puidemos ver, un pouco cara á esquerda, o mapa feito por Fontán. Este mapa foi creado aplicando a trigonometría e foi o primeiro mapa en España en empregar métodos científicos para ser creado. Tras unha breve espera, o grupo dividiuse e a metade na que estaba eu subiu as escaleiras para ir á terceira planta do edificio, onde está a sala de lectura (a cal ten máis de cen anos de antigüidade). Antes de entrar na sala vin un busto de Aldao, o propietario da biblioteca que viu nacer as Irmandades da Fala. No edificio está almacenada a colección de libros que pertenceran a Emilia Pardo Bazán, que foron doados á Real Academia Galega xunto ao edificio. Nesa planta tamén hai hemeroteca e destaca a revista Fondo Galego. As obras almacenadas na biblioteca foron publicadas entre os séculos XVI e XXI. Na biblioteca teñen expostas obras de Carlos Casares, entre as que hai traducións coma a de O principiño. A directora da biblioteca dixo tamén que teñen gran parte das obras dixitalizadas. Despois ensinou o dicionario de 1990, que era o primeiro que estaba completo e nun único libro, e unha das partes do primeiro dicionario da RAG. Este dicionario tiña 26 cadernos, pero só chegaron ata a palabra cativo. Estes libros estaban nunha mesa na que ademais había un libro de temática relixiosa publicado no século XVII e no que se levaba a cabo a primeira descrición grande de Galicia, unha primeira edición de Cantares Gallegos e outra primeira edición de Memorias dun neno labrego. O primeiro destes é un libro pequeno, de pasta dura e co nome no lombo. As páxinas son de cor vermella se se mira estando pechado. O libro do século XVII que estaba sobre a mesa tiña manchas de humidade, pero os peor conservados eran os do século XIX, debido á popularización do libro nesa época (o que faría que disminuíse a calidade das follas para aforrar custos).
      Despois disto fomos de volta á planta baixa e entramos no salón de actos. Esta era unha gran sala na que había retratos de case todos os presidentes da RAG ao longo da historia e de Rosalía de Castro. O salón era o lugar no que se propoñen os dicionarios de uso. O home que nos falaba alentounos a suxerir o engadido de palabras que non estivesen recollidas no caso de que atopásemos algunha. Nesta sala falounos da historia da Real Academia Galega a través dos seus presidentes e do Día das Letras Galegas. Este día comezouse a celebrar o 17 de maio de 1963 como conmemoración do centenario da publicación de Cantares Gallegos. Este día faise unha oda en honor a Rosalía por distintos lugares. No salón de actos as decisións tómanse por consenso.
      No salón dixéronos que o que acabara de ser nomeado novo presidente fora director de Galaxia e das distintas seccións que hai: literatura, lingua, sociolingüística (hai un atlas que fala sobre a saúde da lingua en distintos lugares), gramática...
      Ás 10:55 chegamos á primeira planta do edificio para visitar a casa-museo de Emilia Pardo Bazán. Neste lugar, as explicacións veñen da man da mesma persoa que falara no salón de actos. Di que Emilia Pardo Bazán viviu na segunda metade do século XIX e a principios do século XX. Nesa época había moito analfabetismo, pero a súa nai ensinoulle a ler. O seu pai dicía frecuentemente que non poden existir dúas morais para dous sexos. Ela naceu nunha familia adiñeirada e vivía na parte alta da cidade. Os seus pais tiñan pensado que tivese un titor persoal (que lle ensinase a ler, escribir, modais...), pero a Lei Moyano de 1858-59 permitía a escolarización de nenos e nenas sendo novos, polo que non foi necesario.
      A alta sociedade tiña medo pola revolución das cigarreiras (destruiron a maquinaria polos despidos) e a súa familia moveuse a Madrid.
      Emilia Pardo Bazán dicía que aprendeu a ler na terceira planta da súa casa. Con 13-14 anos publicou poemas e con 16 anos publicou o seu primeiro relato.
      Casou con José Quiroga, quen estudou leis. Ela tivo unha etapa naturalista, inspirada nos franceses, pero ao seu home non lle gustaba porque era carlista. No ano 1893 escribiu La Tribuna, que era unha obra naturalista inspirada na vida das cigarreiras da Fábrica de Tabacos. Ela foi á fábrica para informarse. Lavaba ao seu fillo para gañarse a confianza das cigarreiras. O seu home quixo que ela se retractase da súa obra, pero ela non o fixo e quixo separarse del, aínda que era católica.
       Emilia levaba pouco tempo en Madrid cando xa empezou a aparecer o seu nome en todo tipo de publicacións.
      O edificio foi doado á RAG por Blanca, a derradeira herdeira directa de Emilia Pardo Bazán, coa condición de que houbese na primeira planta unha casa-museo adicada á súa nai.
      A persoa que guiaba a nosa visita á RAG continuou falando de Marineda (cidade na que se ambienta La Tribuna). A obra naturalista de Emilia Pardo Bazán tiña, como é propio da corrente, moitas descricións de A Coruña (Marineda está inspirada en A Coruña). Émile Zola chegou a criticar a obra de Emilia Pardo Bazán por ser ela unha naturalista literaria exclusivamente (ela era católica). A obra desta autora abrangue moitos temas. A súa obra referente é Los pazos de Ulloa, aínda que tamén se nos falou de La Dama Joven, Insolación e Memorias de un solterón.
      Ela abriu as portas do Ateneo de Madrid e foi a súa primeira socia. Tamén mandou unha solicitude para entrar na RAE, mais lle dixeron que as mulleres non tiñan cabida nesa institución.
      Despois disto fomos a outra sala na que estaban expostas as súas obras e unha reprodución dun traxe de recibir.
      A continuación entramos nunha nova sala, máis pequena e cunha recreación do seu lugar de traballo. Nesta habitación hai un retrato que lle fixo a súa nai cando ela tiña dezaseis anos. Hai unha ventana pola que se ve a Igrexa de Santiago, onde hai dúas esculturas con libros na cabeza e que ela humanizou nun relato. Cando acabou de falar, esa persoa dixo que se chamaba Manu. Ás 11:37 saímos da sede da RAG.
      A partir de entón e ata as 12:20, tivemos un descanso no que puidemos camiñar libremente pola zona ou tomar algo.
      Xa rematado o descanso, entramos na Colexiata de Santa María do Campo, que estaba xusto diante da Casa Cornide, propiedade dun escritor ilustrado do século XVIII.
      Ás 12:35 pasamos por diante do Convento de Santa Bárbara, un convento de clausura de monxas clarisas.
      Ás 12:41 visitamos o xardín de San Carlos, que tiña unha placa que amosaba unhas palabras escritas por Rosalía de Castro. No xardín había bastantes arbustos e no medio del estaba a sepultura de Sir John Moore. Mentres estabamos aquí comezou a chover.
      Máis tarde pasamos pola Fundación Luís Seoane, onde se expoñen normalmente obras de arte. Cada vez chovía máis, polo que tivemos que nos refuxiar baixo un edificio. Cando a chuvia amainou continuamos coa excursión cara aos Xardíns de Méndez Núñez. Aquí había esculturas na honra de figuras da cultura galega como Emilia Pardo Bazán, Eduardo Pondal, Concepción Arenal... Ao ver a escultura en conmemoración de Concepción Arenal e ler a placa, observei que aparecía un nome que xa se repetira en varios lugares. Trátase dun antigo presidente da RAG e alcalde de A Coruña, Manuel Casás Fernández. O seu nome fora citado na RAG e aparecera en bastantes monumentos dos que visitaramos. A partir de isto, deduzo que a súa alcaldía foi un período de reivindicación da cultura galega.
      Dende este punto, a xente comezou a marchar cara ás súas casas ou ao instituto. Algúns colleron un autobús para volver ás súas casas, outros foron separándose (indo por diferentes rúas) e ao final chegamos ao I.E.S. Fernando Wirtz Suárez ás 14:05, aproximadamente.
      A excursión foi útil porque vimos como son as instalacións da Real Academia Galega, a principal defensora da nosa lingua. Tamén aprendimos sobre Emilia Pardo Bazán, que é unha autora que estudamos este ano no naturalismo en Literatura en Lingua Castelá.

Ningún comentario:

Publicar un comentario